lunes, 29 de agosto de 2011

BLOG DA BIBLIOTECA IES do Porto do Son


O burato no inferno

19th xuño 2011 por tikeles Non hai comentarios
Escollín o libro O burato no inferno, un libro de banda deseñada feito polos irmáns José Manuel Trigo, responsable do texto, con ilustracións de Ramón Trigo. Editado por Factoría K de Libros, foi publicado no 2010 en Pontevedra.
José Manuel Trigo fai guións para traballos audiovisuais. Este libro recorda a un "storyboard", conta todo coa imaxe, ten pouco texto, o imprescindible para situarnos na historia. Ramón Trigo, o ilustrador, sorpréndeme pola ausencia de cor e a técnica que utiliza a base de lapis e carbonciño. Outras obras del teñen un gran colorido, como por exemplo o libro de banda deseñada infantil As luces que se encenden e se apagan, a única referencia entre os dous pode ser o rostro e os ollos dos personaxes, facendo case irrecoñecibles as semellanzas entre un e outro libro. Estamos ante unha obra para adultos e xoves, cun tema moi tratado ultimamente na cultura galega -como na película Os Crebinsky, onde aparecen tamén uns personaxes que vivían das crebas. Mestura varios xéneros como o terror e as aventuras de piratas. A historia está ambientada na costa, entre A Garda e a Illa de San Simón, que xa aparece debuxada nas primeiras páxinas. O feito de estar ambientada en sitios coñecidos fai que a obra sexa máis realista.
A historia comeza cando o párroco Don Elías convence a Xosé, o fillo de Bieito o Lindo, para que o  vaia ver cando está morrendo. Bieito abandonara a Xosé cando era pequeno. No seu leito de morte confíalle un segredo e pídelle a seu fillo que indemnice ás vítimas do Santa Rosa, barco que axudou a afundir como raqueiro, e lle devolva o título do pazo a Dona Isabel, que estaba casada co xefe dos raqueiros chamado Don Manuel Bárcena.
Deste cómic o que máis me gustou foi a capacidade de contar unha historia cun mínimo de texto e a sensación de velocidade que transmiten algunhas viñetas, xa que as enlaza mediante parte dos debuxos. Con respecto ao argumento, a orixinalidade e singularidade son espectaculares debido á ausencia de personaxes arquetípicos.
Xosé de Lucas Ventoso, 3º A
En Revolta da Freixa atoparedes enlaces interesantes sobre a obra e os autores.